Costas avanza na tramitación do novo paseo entre Silgar e Punta Vicaño
Por Oskar Viéitez
O Boletín Oficial do Estado acaba de publicar o anuncio do Servizo Provincial de Costas de Pontevedra polo que se somete a información pública o proxecto "Paseo litoral desde o paseo de Silgar ata o miradoiro de Punta Vicaño".
Todas aquelas persoas interesadas poden consultar o proxecto de referencia e, no seu caso, presentar as alegacións e observacións que se estimen.
Trátase dun proxecto do Concello de Sanxenxo para construír un carreiro peonil de 379 metros entre os miradoiros de Silgar e de Punta Vicaño.
O proxecto ten un orzamento de 892.195 euros e un prazo de execución de sete meses.
A idea do Concello é "dar continuidade aos paseos peonís existentes" co obxectivo de "potenciar aínda máis como lugares turísticos os núcleos de Sanxenxo e Portonovo".
Esta senda dotaría a Sanxenxo dunha "nova fachada cara ao mar cunhas bonitas vistas á ría de Pontevedra", ao mesmo tempo que se "acondicionará, estética e ambientalmente, para o uso público a saia este de a península de Vicaño, zona de gran valor paisaxístico".
O primeiro tramo deste carreiro parte paralelo ao límite da parcela do Gran Talaso Hotel de Sanxenxo e continúa abeirando os peches das parcelas privadas existentes. Para iso será necesario a derriba da escaleira de acceso existente.
Para acondicionar o resto da senda será necesario tallar unhas 41 árbores.
O elemento estrela do proxecto que manexa o Concello de Sanxenxo é a construción dun novo miradoiro con forma de veleiro, que Costas xa autorizou, no extremo da praia que está máis próximo ao parque de Vicaño.
O proxecto do miradoiro, valorado nuns 428.000 euros, foi elaborado polo arquitecto local José Antonio Sueiro e, segundo destaca o goberno municipal, busca ser unha "nova icona" do municipio, apostando por unha proposta moi vinculada á tradición marítima e náutica de Sanxenxo.