Costas autoriza un novo miradoiro en forma de veleiro ao final de Silgar
Por Redacción
O paseo de Silgar contará cun novo miradoiro sobre o mar. Costas autorizou a construción deste novo balcón, que terá forma de veleiro, no extremo da praia que está máis próximo ao parque do Vicaño.
O proxecto, valorado nuns 428.000 euros, foi elaborado polo arquitecto local José Antonio Sueiro e, segundo destaca o goberno municipal, busca ser unha "nova icona" do municipio, apostando por unha proposta moi vinculada á tradición marítima e náutica de Sanxenxo.
O novo miradoiro substituirá a unha vella estrutura xa existente que se eleva uns 10 metros sobre o nivel da costa, pero que o Concello asegura que resultaba "pouco atractivo" e non respondía as expectativas dun espazo referente no municipio.
Trátase dunha chaira pechada por uns muros de contención que ten un único punto de acceso de carácter peonil e constitúe o final do paseo no seu tramo paralelo á praia.
O obxectivo deste proxecto é poñer en valor as súas magníficas vistas e no futuro articular o posible comezo dunha futura senda peonil que discorrería polo perfil costeiro e que vincularía o miradoiro coa praia de Baltar no núcleo de Portonovo.
Co novo miradoiro, Sanxenxo busca crear un punto de referencia visual ao final do futuro paseo e impulsar o seu uso coa creación dunha nova plataforma de observación, aproveitando a diferenza de nivel que presenta o actual miradoiro coa beirarrúa.
O proxecto inclúe unha renovación da iluminación do miradoiro existente substituíndo os farois elevados por unhas balizas baixas para atenuar a incidencia lumínica.
En canto á plataforma superior, de nova execución, instalaranse dous tipos de iluminación: unha puramente ornamental, disposta perimetralmente polo canto exterior e parte inferior do taboleiro e outra para a sinalización da pasarela superior.
Para esta segunda iluminación empregaranse luminarias enrasadas dispostas xunto ás varandas.