Alumnado da Universidade da Coruña investiga en Pontevedra o uso dos espazos verdes e urbanos por parte da veciñanza
Por Redacción
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e o xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, falaron este mércores no Gastroespazo do Mercado de Abastos sobre os proxectos de renaturalización que se están levando a cabo no marco das estratexias Pontevedra Flúe e Redeverde a unha vintena de alumnos do Grao de Socioloxía da Universidade da Coruña que cursan a materia de Socioloxía Urbana e Ordenación do Territorio.
O encontro formaba parte dunha visita de campo promovida dentro da docencia práctica desta asignatura, impartida polo profesor Manolo Docampo (membro do equipo da Universidade da Coruña que colabora no plan Redeverde), organizada para coñecer a estratexia urbana e medioambiental da cidade e investigar o uso do espazo público do municipio por parte da cidadanía, en especial das zonas verdes.
A charla de Puentes e Fontán serviu para que os estudantes coñecesen a estrutura urbana de Pontevedra, o modelo de peonalización e as obras de renaturalización que se están a desenvolver.
O alumnado percorreu tamén a cidade deténdose nalgúns dos ámbitos de intervención de Redeverde, un paquete de proxectos impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible en colaboración coa UDC cun valor global de 4,7 millóns de euros, que a Fundación Biodiversidade (adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica) financiará nun 95% a través dos fondos europeos Next Generation.
Tal e como lembrou o concelleiro socialista, "entre estas obras inclúese o noso plan para destapar o treito urbano do río dos Gafos ao seu paso por Campolongo".