Esta fin de semana toca votar, non para escoller gobernos municipais, senón para determinar que intérprete, en definitiva que país, levará o micrófono de cristal do Festival de Eurovisión. A cita neste 2023 é Liverpool, ante a imposibilidade de celebrarse en Ucraína; e previamente, a cita anual tamén estivo no faladoiro das 'Conversas na Ferrería'.
Un ano máis convidamos a catro expertos na convocatoria eurovisiva, Daniel Seijo (colaborador do Euroté), Luís Miguel Alonso, Paula Suárez e Antón Prieto. Desmenuzan a presente edición desde a celebración e selección, no caso de España do Benidorm Fest, do que saíu a proposta gañadora con Blanca Paloma e o tema 'Eaea'. Tamén nos contan algúns cambios que se decidiron para o sistema de votacións, así como algún que outro que se quixo aplicar, pero que finalmente quedou en suspenso.
Comentan igualmente as propostas que estiman teñen máis posibilidades de gañar e que apuntan este ano a unha repetidora no Festival, Loreen que representa a Suecia con 'Tatoo' e que como ben avanzaron antes da primeira semifinal quedou seleccionada para a final do sábado con países como Finlandia, Israel, Portugal ou Noruega.
Todos coinciden nos dous primeiros países como posibles gañadores de Eurovisión 2023 - que non significa que sexan os seus favoritos -, Suecia e Finlandia. Daniel engade entre eses tres primeiros a España, do mesmo xeito que Antón; mentres que Luís coloca a Francia e Paula a Italia. Podes escoitar o podcast completo na ligazón que se adxunta e descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.