Unha muller resulta ferida de gravidade ao impactar un camión e un turismo en Cerponzóns
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A condutora dun turismo resultaba ferida con politraumatismos ao impactar o seu turismo contra un camión na estrada Nacional 550 entre Pontevedra e Santiago á altura da parroquia de Cerponzóns.
Un particular alertaba ao servizo de Emerxencias do 112 do accidente que se producía entorno ás 17:15 horas. A condutora dun Peugeot 206 que circulaba en dirección a Santiago quedaba atrapada no interior do vehículo e foi necesario que os bombeiros do Parque de Pontevedra se trasladasen ata o lugar do suceso para retirar a porta do coche e posibilitar a súa saída.
A condutora presentaba numerosas feridas e foi trasladada por unha ambulancia de Urxencias Médicas a un centro hospitalario con prognóstico grave. O acompañante tamén sufría un forte golpe na cabeza mentres que o condutor do camión saía ileso.
A Garda Civil de Tráfico desviou a circulación ata que puideron ser retirados os dous vehículos implicados no accidente. Segundo os primeiros indicios, o suceso produciuse cando o Peugeot 206 invadía o carril contrario por causas que aínda se están a investigar e impactaba contra o camión que circulaba en dirección a Pontevedra.