Rescatan un pescador que caeu ao mar desde unha zona de rocas en Beluso
Por Oskar Viéitez
Os efectivos de Protección Civil rescataron un pescador que caeu ao mar desde unha zona de rocas en Bueu.
Segundo informou o 112 Galicia, os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil alertaron, ás 9:10 horas, de que viran como un home caía ao mar en Beluso, á altura do aparcamento da praia de Lagos.
Enseguida, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, dos Bombeiros do Morrazo, da Garda Civil e da Policía Local.
De feito, o persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia indicou que estaban a enviar o helicóptero de rescate Pesca I.
Por fortuna, minutos antes das 9:30 horas, o 112 Galicia tivo constancia de que os membros de Protección Civil da localidade rescataran ao pescador, que non necesitaba asistencia médica.