O PSOE aposta pola recuperación da senda fluvial do Rego do Mouro
Por Redacción
O candidato do PSDeG-PSOE á Alcaldía de Poio, Gregorio Agís, adianta a realización dun proxecto que terá como obxectivo recuperar en poñer en valor a contorna do Rego do Mouro, na parroquia de San Xoán, a través da creación dunha senda que conecte coa costa.
Así o sinalou o alcaldable socialista este martes, cando lembrou que a creación deste tipo de espazos "sempre foi unha prioridade para nós, porque serven para ofrecer á veciñanza e ao turismo áreas das que se pode gozar da súa riqueza paisaxística, patrimonial e medio ambiental durante os doce meses do ano".
Gregorio Agís lembrou que nos últimos anos xestionou directamente desde a área de Urbanismo e Promoción Económica a creación da senda entre A Ostreira e A Seca, ademais de tramitar outras actuacións que vertebrarán a costa poiense desde Samieira ata Pontevedra, con especial mención á senda que partirá desde A Puntada (San Salvador) e conectará coa capital de provincia.
No caso do Rego do Mouro, o paseo partirá desde as inmediacións da Seca e adentrarase no corazón da parroquia de San Xoán. "Estamos a falar dun paseo duns 6,5 quilómetros de extensión que suporá un gran atractivo, semellante ao que xa teñen hoxe en día outras zonas similares, como a ruta dos muíños de Samieira ou as Fervenzas do Pereiro", explicou o candidato do PSdeG-PSOE.
A día de hoxe xa se están xestionando con Costas e co Ministerio de Medio Ambiente os permisos para dar vida a varias sendas costeiras, como a que unirá A Seca con Combarro, ademais da mellora do paseo circular da Illa de Tambo, que en total suman uns 9 quilómetros de fachada litoral pola que poder transitar a pé. A financiación destas obras levarase a cabo a través de fondos europeos.
"Neste mandato temos demostrada a nosa capacidade de xestión para acceder a este tipo de axudas, conseguindo máis de 6 millóns de euros que revertiron na mellora de infraestruturas, espazos tradicionais e nun maior aproveimetamento dos recursos enerxéticos", detallou Gregorio Agís.
O candidato socialista ten claro que o proxecto de Rego do Mouro suporá "un pulo máis" para continuar facendo de Poio "un dos municipios de referencia da provincia de Pontevedra e de Galicia en materia de turismo, sostibilidade e patrimonio".
Relacionadas:
-
28M | Gregorio Agís presenta 132 iniciativas transformadoras para Poio co aval da súa xestión
Por Oskar Viéitez |
-
28M | "Xerar riqueza, benestar e calidade de vida", a aposta de Gregorio Agís para ser alcalde de Poio
Por Redacción |
-
Unha pasarela que conecte Mollabao coa Puntada, proposta dos socialistas de Pontevedra e Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Poio solicitará a transferencia do polígono de Fragamoreira
Por Oskar Viéitez |