O alumnado de Ponte Caldelas coñece os segredos da Garda Civil
Por Redacción
O día a día do traballo da Garda Civil deixou de ser un misterio para o alumnado dos centros de educación infantil e primaria de Ponte Caldelas e Fornelos de Montes.
Este luns, escolares do CEIP Manuel Cordo Boullosa e o CEIP Plurilingüe A Reigosa de Ponte Caldelas e do CEIP Doutor Suárez de de Fornelos de Montes participaron nunha exhibición de medios da Garda Civil realizada en Ponte Caldelas.
Un grupo de axentes do instituto armado achegáronse ata Ponte Caldelas para explicarlles como traballan e as distintas especialidades do corpo e os medios que utilizan.
Así, por exemplo, a Unidade Pegaso explicoulles como traballan con drons e aterrou en Chan da Barcia un helicóptero.
Participaron tamén integrantes do Grupo de Especialistas en Desactivación de Artefactos Explosivos (GEDEX) e o persoal de criminalística, que lles ensinou as probas de laboratorio e toma de pegadas que realizan.
Tamén o Grupo de Resposta e Seguridade (GRS) lles fixo unha demostración do seu traballo cos traxes de loita bacteriolóxica e química e coñeceron o traballo do Seprona, o Subsector de Tráfico e a Unidade de Seguridade Cidadá (USECIC).