Danlle o alto por usar o móbil ao volante e descobren que o busca a Policía, o coche é roubado e dá positivo en drogas
Por Redacción
Un veciño de Pontevedra de 35 anos acabou detido a pasada semana cando unha patrulla de Tráfico deulle o alto porque ía falando polo teléfono móbil mentres conducía. O que podería ser unha infracción administrativa acabou en detención porque os axentes descubriron que estaba a ser buscado por un xulgado de Zamora.
Ademais, esa conduta imprudente ao volante destapou que o coche era roubado, levaba encima un teléfono e unha tarxeta de crédito tamén roubados e deu resultado positivo no narcotest.
Unha patrulla do destacamento de Tráfico da Garda Civil detectouno cando circulaba pola estrada N-554 á altura de Vilaboa o pasado 27 de abril. Os axentes observaron, nun primeiro momento, un vehículo cuxo condutor ía facendo uso do teléfono móbil, polo que procederon a darlle o alto co fin de notificarlle a infracción.
Unha vez identificado o condutor, confirmaron que tiña unha orde de procura detención e comparecencia ditada polo Xulgado de Instrución número 1 de Poboa de Sanabria (Zamora).
Comprobaron tamén que o vehículo fora roubado e había unha denuncia na Comisaría da Policía Nacional de Marín.
O Equipo GIAT (Grupo de Investigación e Análise de Tráfico) procedeu á súa detención e tamén á inspección do vehículo. Dentro localizaron un teléfono que fora subtraído en Marín e unha tarxeta de crédito tamén subtraída.
Acabou tamén denunciado ademais por dúas infraccións administrativas á Lei de Seguridade viaria, unha por facer uso do teléfono móbil mentres conducía e outra por dar positivo indiciario en proba de drogas (cocaína e anfetaminas), pendente de confirmación por laboratorio.
As dilixencias instruídas, xunto co detido, foron entregadas no Xulgado de Garda de Cangas.