Volve o Concurso dos Maios á Praza do Mosteiro de San Xoán con éxito de participación
Por Redacción
Con gran presenza de público e coa participación de once "maios" desenvolvíase este luns o Concurso dos Maios de Poio, que organiza a concellería de Cultura.
En total repartíronse 6.800 euros en premios para as agrupacións que formaron parte desta tradición.
O primeiro premio ao mellor conxunto, ao mellor barco e á mellor coroa foi a parar a Vilariño. O Mellor Maio tamén recaeu en Vilariño pero compartido con Maio Maiolo.
Pola súa banda, Armadiña obtivo o premio á mellor actuación e a mellor copla levouna Mare Podium.
Raquel Rodríguez, concelleira de Cultura de Poio, destacaba a gran calidade e vistosidade das elaboracións nesta edición. Nesta mesma xornada tamén se desenvolvía a Mostra de Maios de Combarro, na Praza da Chousa, que impulsa o Ateneo Corredoira en colaboración co Concello.