A XXI Festa do Codillo trasládase ao domingo 11 de xuño con preparación estofada, patacas asadas, chícharos e cenorias
Por Redacción
O xurado da cata da XXI Festa do Codillo decidiu escoller a preparación estofada e con guarnición de patacas asadas, chícharos e cenorias como a especialidade que se ofreza na xornada escollida este ano para a celebración do evento gastronómico: o domingo 11 de xuño na Alameda da Lama.
A empresa Cátering Arelas víase imposibilitada para servir a comida o 14 de maio, data en que inicialmente estaba prevista a cita culinaria.
O Codillo Estofado é o preferido polo público maioritariamente e, nesta ocasión, rivalizou en sabor co preparado en salsa de curri, con arroz, cabaza e froitos secos; e coa salsa de piquillo, montado de verduras e puré de patacas. Todas estas receitas foron preparadas por Rosa María Fragueiro, de Cátering Arelas.
Ampliarase a venda anticipada dos tíckets ata o 8 de xuño a un prezo de 12 euros. Pódense adquirir nas oficinas do Concello e tamén durante a mesma xornada na Alameda. Segundo o Concello da Lama increméntase de novo o prezo debido ao aumento do IPC e do custo da vida.
A celebración contará coa música da Banda de Gaitas Os Catro Ventos e a Charanga Os Encerellados. Tamén se ofrecerá un concerto, a partir das 20.00 horas, na Alameda a cargo da Banda de Música Municipal da Lama.