Os Maios volven á Alameda de San Xoán
Por Redacción
O vindeiro luns, día 1 de maio, volve á Praza do Mosteiro de San Xoán o Concurso dos Maios, que dará comezo ás 11.00 horas,
Nesta edición ve incrementada a súa participación con respecto a edicións anteriores. Así o explicaron este xoves durante a presentación desta festa a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez e o presidente do Ateneo Corredoira de Combarro, Juan Manuel Pérez González.
O Ateneo organiza a Mostra de Maios na Praza da Chousa, o mesmo día ás 18.00 horas.
O certame retorna ás inmediacións do Mosteiro despois de que en 2019 se trasladara á Seca por mor duns traballos de acondicionamento que se estaban a realizar na alameda. O ano pasado tamén se desenvolveu na Seca, ao coincidir a data en domingo, para non interferir nos habituais actos relixiosos, mentres que en 2020 e 2021 o evento tivo que ser suspendido por mor da pandemia da COVID-19.
Outra novidade do Concurso dos Maios é o incremento dos premios, cuxa contía total ascende nesta ocasión a 6.800 euros. Polo mero feito de participar cada maio recibirá 300 euros e dúas roscas.
Con respecto aos premios, repartiranse entre os tres primeiros clasificados nas categorías ao mellor conxunto (220, 180 e 150 euros, respectivamente) , mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, mellor actuación e mellor barco galego tradicional.
Nestes cinco subgrupos os premios serán de 150, 120 e 100 euros, respectivamente. O xurado estará composto polos membros da Comisión Información de Educación, Cultura e Deportes do Concello de Poio.