Areeiro recomenda intervir nas viñas unha vez finalicen os días de choiva
Por Redacción
A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación recomenda realizar unha nova intervención nas viñas contra o mildio unha vez finalicen os días de choiva en caso de que non estean renovados os tratamentos contra este patóxeno.
Tamén advirte da presenza da bolboreta do buxo e recomenda a instalación de trampas para realizar tratamentos en función das capturas da avelaíña das maceiras.
As viñas, segundo sinala o aviso, presentan un estado fenolóxico de acios visibles, polo que o persoal do centro sinala que trala aparición a semana pasada das primeiras manchas de mildio en todas as comarcas e en case todos os predios, a maioría xa foron obxecto de tratamento.
Indican que en xeral ao longo desta semana non se incrementou o número de manchas, as había case curadas ou en fase de curación aínda que se observaron tamén sen curar e algún que outro acio afectado.
Ante as previsións meteorolóxicas para estes días, con precipitacións e temperaturas mínimas elevadas, desde Areeiro advirten que, en caso de non ter feita a renovación dos tratamentos, débese realizar unha nova intervención inmediatamente despois dos días de choiva, pois as choivas reducen o período de protección dos produtos.
Sinalan tamén que ao igual que todos os anos a principios de campaña hai síntomas de erinose en case todas as viñas, que non é preciso tratar, e tamén síntomas evidentes, neste caso nalgúns predios, de ataque de caracois.
Advirten, ademais, que outros cultivos como a maceira poden ter presenza de avelaíña e poden variar entre predios aínda que estean próximos.
Por ese motivo, a estación recomenda a instalación de trampas en cada un para tratar segundo as capturas que se teñan e así evitar que haxa mazás con eirugas e lembran que nestes momentos as eirugas da bolboreta do buxo están ben desenvolvidas e, onde non se fixeron tratamentos, están a defoliar vorazmente o buxo. Tamén xa se observan crisálides nas sebes non tratadas.