A Bretaña francesa alucina co deseño pontevedrés
Por Oskar Viéitez
Alumnos da Escola Superior en Deseño e Moda de Galicia, Esdemga, foron invitados á Bretaña francesa pola asociación cultural Cultur´au fil para participar nun desfile europeo no que deixar pegada da "súa verdadeira esencia creativa".
Esdemga representou a España neste evento a través do talento de catro dos seus estudantes que viaxaron á cidade de Brest para proxectar internacionalmente a súa filosofía no deseño "mostrando ao mundo a nosa idea de moda", sinala a profesora Rocío Gómez Juncal, unha das coordinadoras da colaboración.
O encontro tamén quixo promocionar o talento das novas promesas do deseño e da moda, para o que deron a oportunidade a un total de 30 alumnos procedentes de Polonia, Estonia, Irlanda, Francia, Bélxica, Portugal ou Italia.
Finalistas ante un xurado liderado por Paco Rabanne
Baixo a sinatura de Esdemga viaxaron a Brest, os alumnos Yeray Suárez, Pilar Ullod, Rodrigo Pintos e Marta Domínguez, que conformaron a delegación española.
Cada un achegou un estilismo de alta costura, un pequeno adianto do que amosarán na pasarela Debut 2012 que se celebrará o vindeiro 22 de novembro en Pontevedra.
A tradición cultural foi a liña argumental escollida para esta primeira edición do desfile "polo que o alumnado adaptou o concepto xenérico imposto á súa liña de creación que amosará por completo en Debut", aclara Gómez Juncal. Cun xurado formado, entre outros profesionais, polo deseñador Paco Rabanne ou pola Miss Francia 2011, Lauy Thilleman, unha das alumnas de Esdemga, Marta Domínguez, conseguiu convencelo coa súa proposta e converteuse nunha das finalistas.