Expertos en infraestruturas investigan os danos da ponte de Ponte Arnelas
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, realizou este mércores unha visita de "inspección, supervisión e seguemento da problemática" xerada ao ceder parte da estrutura da ponte de Santa Marta en Ponte Arnelas.
Esta ponte sobre o río Umia colapsou na tarde deste martes tras romper todos os tirantes da marxe dereita da calzada, afundíndose unha parte da estrutura. A voz de alerta dérona uns peregrinos ingleses que pasaban por baixo do lugar percorrendo a Variante Espiritual e que foron testemuñas do suceso.
No transcurso dunha comparecencia en Sanxenxo, Ethel Vázquez sinalou que, tras coñecer os feitos "de xeito inmediato puxémonos a traballar por emerxencia, e estamos a traballar en catro frontes: seguridade, alternativa de tráfico, destinar todos os medios humanos e materiais para a rehabilitación e identificar as causas".
Os especialistas en estruturas esclarecerán as causas que provocaron que cedese a estrutura da ponte, "a fin de evitar que este tipo de accidentes volvan suceder".
Ethel Vázquez estivo acompañada polos alcaldes de Ribadumia e de Vilanova de Arousa e dixo que lle parece "precipitado" valorar posibles alternativas de rehabilitación da ponte. "Agora mesmo están os técnicos alí e serán eles os que determinen que se debe facer".
A ponte permanece pechada e están a ultimar os traballos para"ofrecer unha alternativa de tráfico viaria axeitada, para que sexa a máis sinxela, factible e segura a día de hoxe".
Esa "alternativa de mobilidade" é a estrada antiga pola histórica ponte dos Padriños, "e a lonxitude do desvío alternativo é pequena".
O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán cualificou de "vergoña" que teña que usarse unha ponte medieval como alternativa viaria a outro que só tiña 16 anos.
A conselleira asegurou que se están destinando "todos os medios materiais e humanos para esta actuación, e de xeito xa temos unha empresa construtora por emerxencia no lugar traballando, expertos en estruturas inspeccionando a actuación de xeito inmediato".
A ponte de Santa Marta en Ponte Arnelas foi inaugurada o 5 de abril de 2007 por parte da Deputación de Pontevedra que pagou máis de tres millóns de euros. Actualmente este viaduto é responsabilidade da Xunta.
DEPUTACIÓN
O deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, instou este mércores á Xunta de Galicia a que "de forma inmediata asuma as súas responsabilidades e estableza as actuacións que sexan necesarias para dar unha solución aos problemas estruturais" que presenta esta ponte.
Agís, que informou da presenza na zona de efectivos de infraestruturas da Deputación, "xa que este accidente obrigou á pechar tamén por precaución a EP 9511, a estrada provincial que descorre por debaixo da ponte", advertiu que a Xunta de Galicia é a responsable da ponte afectada e titular da estrada autonómica PO-300 no que se ubica, polo que "ten que dar unha resposta rápida, efectiva e segura ao tráfico rodado e peonil da comarca".
O deputado lembrou que "igual que a Xunta ten a costume de saír en tromba cando se trata dunha infraestrutura doutra administración, esperamos que faga agora o que ten que facer e non bote balóns fora porque xa eran moitas as voces que viñan alertando de que o mantemento non era o que debía ser e que existía a necesidade dunha revisión".
Gregorio Agís lamentou que o goberno galego "non fixera un esforzo parecido ao que desde hai dous anos está a facer a Deputación de Pontevedra na súa rede de estradas provinciais", cunha "exhaustiva" revisión de todas as súas pontes e supervisando e inspeccionando o estado de todos os pasos elevados.
"Instamos a que a Xunta de Galicia faga o mesmo", dixo o deputado, "porque estamos a falar da seguridade das persoas e unha mobilidade segura ten que vir acompañada dunha política preventiva en materia de mantemento e conservación das estradas".
Relacionadas:
-
Abren a ponte de Ponte Arnelas tras a súa reconstrución
Por Redacción |
-
Comeza a desmontaxe do taboleiro da ponte de Ponte Arnelas
Por Redacción |
-
Reconstruír a ponte de Ponte Arnelas suporá un investimento de 5,3 millóns
Por Redacción |
-
Ribadumia celebrará o 7 de maio unha nova edición da Feira da Familia
Por Redacción |
-
Reabre a estrada provincial que pasa por debaixo da ponte de Ponte Arnelas
Por Redacción |