"No Vao xa non se trapichea, agora venden a domicilio"
Por Oskar Viéitez
A presión exercida polas Forzas e Corpos de Seguridade provocou un cambio na estratexia dos pequenos traficantes de droga radicados no poboado chabolista do Vao. "No Vao xa non se trapichea, agora venden a domicilio", aseguran fontes policiais.
É unha circunstancia que corroboran os tribunais de xustiza con reiteradas sentenzas condenatorias contra veciños do poboado que percorren a cidade para atender aos seus clientes.
Este mesmo martes a sección segunda da Audiencia de Pontevedra celebrou dous xuízos de tráfico de drogas cun mesmo protagonista, un "camelo" do Vao que confesou os feitos a cambio dunha rebaixa na condena.
Nun dos casos foi sorprendido pola Policía Nacional que lle confiscou dous envoltorios, un con medio gramo de heroína e outro con 0,3 de cocaína. No outro xuízo foron os axentes da Policía Local de Poio quen que lle interceptaron entregando a un cliente dous bolsiñas con 0,6 gramos de cocaína.
Por cada un destes delitos foi condenado a dous anos de cárcere, aínda que a pena seralle suspendida se o acusado cumpre a súa promesa de non volver delinquir durante o prazo de tres anos e se continúa co tratamento de deshabituación das drogas. Ademais terá que abonar unha multa de 450 euros.
É unha nova oportunidade para este acusado, que xa contaba con antecedentes penais ao ser condenado a tres anos de prisión en maio de 2018 tamén por tráfico de drogas.
Relacionadas:
-
O "Clan da Cachuela" sae bailando da Audiencia tras ver rebaixadas as súas condenas por tráfico de drogas
Por Oskar Viéitez |
-
Absolta a muller que depositou na prisión da Lama un pantalón con cocaína
Por Redacción |
-
Cumio no Vao para establecer "canles fluídas" de comunicación coa Policía
Por Redacción |
-
Condenas menores para un clan do Vao que levaba a droga en taxi e ofrecía aos clientes un habitáculo para consumila
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |