Apertada axenda dos Reis Magos por toda a bisbarra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Ademais dos actos programados en Pontevedra, con Recepción Real, visita ao Hospital de Montecelo e cabalgata incluída (18:00 horas), as súas Maxestades de Oriente afrontan para este sábado 4 e domingo 5 de xaneiro un programa repleto de actividades en toda a bisbarra.
Entre os exemplos Ponte Caldelas será o municipio máis madrugador, cunha cabalgata ás 18:30 horas do sábado dende o colexio Cordo Boullosa ata o Centro Cultural, lugar da recepción oficial.
Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán o cariño dos nenos e as súas últimas peticións en Marín o domingo, véspera do Día de Reis, dende as 10:30 horas cunha visita á igrexa de San Xosé de Cantodarea á que seguirán a igrexa de San Xulián (11:00), a Casa de Cultura de Santo Tomé de Piñeiro (11:30), Santa María do Campo (11:45), o colexio de Ardán (12:00), igrexa Virxe do Carme de Seixo (12:15), Mogor (12:45) e a residencia da terceira idade (13:00) antes da ofrenda ao Neno Xesús no palco da música (13:30) e a cabalgata, prevista para as 18:00 dende o peirao de reparacións do Porto de Marín pasando por Avenida de Ourense, Almuíña, Jaime Janer, Concepción Areal e Parque Eguren.
Pola súa banda en Poio os Reis Magos sairán da Casa Consistorial ás 16:30 horas para dirixirse a Campelo, Lourido, Parque de Costa Xiráldez, A Barca, Andurique, Porteliña, Avenida de San Xoán, Avenida da Seara, Avenida da Seca, Combarro, Samieira, Riodama, Arén e Raxó antes de volver ata A Reiboa, onde dende as 16:30 se celebrará a Festa de Reis con xogos populares, manualidades, música e diversos talleres para desfrute dos nenos. Alí a comitiva real chegará sobre as 19:00 horas.
Ademais en Sanxenxo serán varias as cabalgatas que percorran o municipio, empezando pola que partirá ás 16.30 horas da Florida seguindo pola Avenida de Madrid e Paseo de Silgar ata a intersección coa avenida Luis Rocafort, dende onde se dirixirán a Portonovo pasando polas rúas Areal, Lalinde del Río, Mariña e Rafael Picó. Posteriormente, as súas Maxestades trasladaranse ao pavillón de Baltar, onde se organizou unha festa infantil.
Neste concello tamén se vivirán cabalgatas en Villalonga e Dorrón (16:00 horas), Nantes (17:30) e Noalla (18:00 horas), para finalizar xa o luns (11:00 horas) en Aios.