A humanización do Camiño da Fontiña estará executada nun mes e medio
Por Redacción
EC Casas será a empresa que executará as obras de humanización do Camiño da Fontiña, en Bordóns. Farao tras comprometerse a completar esta actuación, pola que cobrará 69.210 euros, nun prazo máximo de mes e medio.
A actuación centrarase nun dos accesos ao núcleo rural do Outeiro que actualmente ten un pavimento de formigón que se atopa en avanzado estado de deterioración e nun pequeno ramal existente na marxe esquerda do camiño.
Antes da pavimentación, demolerase o firme actual que alcanza unha superficie de 565,48 metros cadrados e mellorarase a rede de pluviais, conectando a esta rede as baixantes existentes das vivendas.
Ademais, colocaranse canlóns con reixas de fundición para eliminar a auga superficial do camiño e as canalizacións necesarias das redes eléctrica e de telecomunicacións.
Tras os traballos deixarase no camiño unha zona central de paso empedrado de 2,20 metros de ancho. Como o vial ten anchos dispares, completarase o pavimento con franxas laterais de formigón co árido visto.
O estreito ramal da marxe esquerda, pola súa banda, pavimentarase cun formigón coloreado.
Para rematar, estenderase e compactará a zona de acceso ao camiño con mestura bituminosa en quente e poñeranse a cota da nova rasante as tapas de rexistro e reixas existentes.
A obra será financiada na súa totalidade con cargo a unha subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O prazo de garantía das obras mantense en doce meses.