A Xunta quere contratar este ano o proxecto da rede de saneamento en Fontenla
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este luns a "inminente" redacción do proxecto para a dotación da rede de saneamento no lugar de Fontenla, pertencente á parroquia de Fragas do Concello de Campo Lameiro.
O representante autonómico informou desta actuación ao alcalde, Carlos Costa, nunha visita aos traballos de saneamento que se están a acometer no lugar de Reboredo desta mesma parroquia e nos que Augas de Galicia está a investir 362.000 euros co financiamento de fondos europeos.
Luis López explicou que a Xunta vai comezar de inmediato coa redacción do proxecto de novos sumidoiros no lugar de Fontenla co obxectivo de contratar as obras neste mesmo ano.
O rexedor agradeceulle a colaboración e anuncioulle o seu obxectivo de darlle continuidade a esta actuación para o saneamento da parroquia de Fragas cun proxecto conxunto das aldeas de Mullerboa e Cerdeiras.
Ademais, o delegado territorial tamén supervisou os traballos nesta materia que se están a acometer en Reboredo e que beneficiarán aos seus 70 veciños. Ao respecto, explicou que a obra xa superou o 20% da súa execución e prevese que estea rematada no mes de xuño.
O proxecto de saneamento de Reboredo consiste na construción de seis colectores e unha rede de 1.386 metros de canalizacións e tubaxes que permitirá a derivación das augas residuais urbanas das vivendas deste lugar ata a depuradora da Laxe para proceder ao seu posterior tratamento.
"Neste caso de Campo Lameiro trátase dunha obra fundamental para unha contorna que precisa deste servizo e que ten unha execución complexa, pero que está avanzando ben, e un orzamento elevado, polo que facíase necesaria a participación do Goberno galego para atender aos veciños de Reboredo", dixo Luis López.
"Ademais, imos darlle continuidade a esta infraestrutura na parroquia de Fragas coa colaboración do Concello na redacción do proxecto para Fontenla, polo que creo que respondemos axeitadamente ás necesidades do Concello e dos veciños", sinalou o representante autonómico.
Relacionadas:
-
"Ollo cos Agapitos", alerta en Campo Lameiro para evitar a proliferación de proxectos eólicos
Por Redacción |
-
Dúas exhibicións diarias sobre o lume na Prehistoria para encher o parque de arte rupestre de Campo Lameiro en Semana Santa
Por Redacción |
-
Campo Lameiro solicita colaboración á Xunta para que expertos determinen o valor das pinturas achadas na igrexa de San Miguel
Por Redacción |