Catro empresas optan a prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Pontevedra
Por Redacción
Idades SL, Aralia Servicios Sociosanitarios SA, Caser Residencial SAU e Osventos Innovación en Servicios SL son as catro empresas que aspiran a ser adxudicatarias da prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Pontevedra, que actualmente da cobertura a unhas 200 persoas, a meirande parte maiores dependentes.
O novo contrato impulsado pola Concellería de Benestar Social permitirá ofrecer unha cobertura de atención de ata 154.600 horas anuais ás persoas dependentes de Pontevedra, o que supón un incremento de 40.000 horas con respecto ao actual. Segundo explicou o responsable do departamento municipal, o socialista Marcos Rey, "terá unha vixencia de 4 anos e conta cun orzamento base de licitación de 12.270.045,80 euros (o que supón máis do dobre dos 5.923.840 euros do contrato en vigor), a razón duns 3 millóns de euros ao ano, fronte aos 1,4 millóns do que está en vigor".
A través do SAF, a Concellería atende a persoas maiores con dificultades graves na súa autonomía persoal e que presentan problemas para a realización de determinadas tarefas de carácter persoal ou doméstico; persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial, que afecta significativamente á súa autonomía persoal, que vivan soas ou non poidan ser atendidas suficientemente polas súas familias, e mesmo a familias con especial dificultade de atención de menores debido á carencia de hábitos para un bo funcionamento da vida cotiá, falta de apoios ou problemas no desenvolvemento da estrutura e dinámica familiares, dando prioridade a familias con menores de 12 anos. Tamén facilita a xestión de crises de carácter temporal como convalecencias tras hospitalizacións ou enfermidades terminais.
"Este novo contrato", tal e como indicou Rey, "traducirase nunha exponencial mellora no orzamento e no número de horas, en consecuencia na prestación dun servizo social que para nós é esencial". Para o concelleiro, "é unha mostra do compromiso e implicación do Goberno de Pedro Sánchez co SAF, dado que as administracións autonómicas reciben do Estado os cartos para investir neste servizo e, ao tempo que a Xunta reduciu a cifra global, o Executivo liderado polo PSOE volcouse unha vez máis cunha demanda social que se disparou trala pandemia e aumentou a partida económica".
Deste xeito, indican desde o partido socialista que a Administración Xeral do Estado reforzou o seu compromiso de orientar unha consignación específica, nos Orzamentos Xerais do Estado, ao Plan Concertado para o Desenvolvemento de Prestacións Básicas de Servizos Sociais en Corporacións Locais, artellado a través da fórmula de convenios administrativos entre as administracións do Estado e as comunidades autónomas.
Relacionadas:
-
A empresa Idades renova outros catro anos a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar en Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra duplicará o custo do SAF para incrementar en 40.000 as horas de atención a dependentes
Por Redacción |
-
Todos os servizos municipais para colectivos vulnerables, a golpe de click
Por Redacción |
-
Benestar Social e Idades lanzan un novo curso para formar a futuros traballadores do SAF
Por Redacción |