Pontesán aposta este 2023 pola nutrición e a loita contra a obesidade
A Praza de España de Pontevedra acollerá os días 14, 15 e 16 de abril a IV Feira da Saúde e do Benestar, Pontesán. Un evento do que Tino Fernández, concelleiro de Deportes e Saúde, se sente "tremendamente orgulloso" porque "xa é un referente a nivel estatal".
Humildade, ilusión e moito esforzo. Fernández destaca que, tras catro anos, o obxectivo da feira segue a ser darlle visibilidade ás asociacións sen ánimo de lucro do ámbito sociosanitario. Pois, destaca a importancia de que a cidadanía saiba que "cando temos un problema de saúde, ademais da atención sanitaria pública, que é fundamental, hai ao noso arredor un montón de asociacións que nos poden botar unha man para encontrar solución aos problemas que se derivan das enfermidades".
O concelleiro fixo alusión ao éxito de edicións anteriores como principal motivo do incremento na participación de asociacións sociosanitarias, deportivas, clubs, federacións, colexios oficiais e institucións. Este ano, son máis de 40 entidades sen ánimo de lucro interesadas en poñer o seu gran e contribuír á temática principal desta cuarta edición: a nutrición e a loita contra a obesidade.
Como novidade con respecto a edicións anteriores, o último día do evento serán entregados unha serie de recoñecementos a unha persoa física, unha asociación e unha institución para agradecer o seu traballo a prol da saúde e da vida da cidadanía.
As datas de celebración adiántanse a abril por mor das eleccións municipais que están convocadas para o mes de maio. "No futuro espero que volva á súa data habitual", comenta o concelleiro.
Entre agradecementos ao Sergase, en especial, a todas asociacións sociosanitarias pola súa labor, Fernández transmite o seu agrado coa iniciativa. "Creo que demos un paso en establecer a Pontevedra como unha cidade que é modelo non só pola súa mobilidade, senón tamén pola forma de entender as necesidades das persoas que conviven en pontevedra".
O programa de actividades, aínda está por pechar. Porén, a concellería de Saúde e Deportes adianta que ao longo da fin de semana se irán desenvolvendo unha serie de talleres lúdicos.
Entre eles destaca unha pequena práctica de ciencia para a rapazada, unha cata de augas, o Taller de Primeiros Auxilios da Cruz Vermella, unha presentación de receitas sen gluten entre outros. Na Avenida de Monte dos Ríos terán lugar diversas actividades complementarias de índole deportivo.