Fase final das obras da senda peonil da PO-549 ao seu paso por Corón
Por Redacción
As obras de construción da senda peonil da estrada autonómica PO-549 ao seu paso por Corón, no Concello de Vilanova de Arousa entraron na súa fase final.
A súa execución rolda o 80% e supón un investimento da Xunta de 1,1 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou este martes, acompañado pola xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez, o alcalde, Gonzalo Durán, e o tenente de alcalde, Javier Tourís, o estado desta actuación que, ao seu remate, permitirá conectar a través dun itinerario peonil seguro os municipios costeiros de Cambados, Vilanova, A Illa de Arousa e Vilagarcía de Arousa.
A obra contempla a construción de senda e reposición de beirarrúas existentes, a reordenación dos aparcamentos e medidas complementarias de seguridade viaria con pasos de peóns e regulación semafórica.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará de xeito inminente as obras dunha nova senda en Caleiro correspondente coas estradas PO-302 e PO-306 cunha lonxitude de 1,4 quilómetros e un investimento estimado de 1,2 millóns de euros.