Os veciños de San Roque identifícanse "coa Santa Compaña", abandonados polo Concello ante o mal estado do barrio
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Na rúa Almirante Matos había un mural da Santa Compaña pintado hai anos por un grafitero co que se identifican plenamente os membros da Asociación de veciños San Roque que se recoñecen a se mesmos no debuxo dirixíndose "á Casa do Concello a contarlles as súas amarguras aos nosos rexedores".
Do mesmo xeito que as almas en pena da Santa Compaña estes veciños aseguran sentirse "desanimados, cansos, sen esperanzas" debido ao "descontento pola falta de agarimo dos nosos mandatarios cara ao noso barrio".
Entre as súas queixas atópase a deterioración das beirarrúas na rúa San Roque de Abaixo, na rúa Palamios citan o incremento do tráfico xerado co peche da avenida Reina Vitoria e na rúa Irmáns Nodales indican que as beirarrúas "non poden ser utilizadas polas persoas que se desprazan en cadeiras de rodas nin polos pais que levan aos seus bebés en cochecitos" ao non ter a anchura suficiente.
Tamén citaron a vexetación e a falta de iluminación da rúa Juan Villaverde no encontro coa rúa Nodales e o "descontento" segue coa situación do Campo da Torre, Fonte do Corvo, Victor Said Armesto, Ribeira dos Peiraos, Ribeira dos Gafos, Ramón Peña e tamén sobre o estado de muíños, lavadoiros e fontes situadas na zona da desembocadura do Gafos.
Relacionadas:
-
Millón e medio de euros para humanizar Almirante Matos e a Rúa do Cruceiro
Por Alejandro Espiño |
-
Eduardo Pondal, Pastor Díaz ou Almirante Matos, próximos pasos na reforma urbana de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Comezan as obras de construción dunha zona de lecer 'verde' en Campo da Torre
Por Álvaro Arosa Barco |