Galicia propón ao Goberno crear un novo xulgado en Vilagarcía e reforzar a Audiencia cun maxistrado

Por Redacción
A Comisión Mixta de Xustiza de Galicia acordou solicitar ao Ministerio de Xustiza a creación de nove unidades xudiciais para Galicia en 2023, entre as que se atopa un novo xulgado mixto en Vilagarcía. Ademais, piden a creación de dúas novas prazas de maxistrado en seccións penais das audiencias provinciais da Coruña e Pontevedra.
En relación con xulgado de Vilagarcía, esta mesma semana o sindicato CIG insistía na necesidade da súa creación e destacaba que se trata dunha demanda que se remonta xa ao ano 2007. Sería o cuarto da localidade.
Trátase dunha decisión adoptada de forma consensuada pola Comisión Mixta, presidida por José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente do Tribunal Superior (TSXG), e polo vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo.
O Goberno aínda non comunicou o número de unidades xudiciais que prevé crear na comunidade este ano, se ben nos últimos exercicios autorizou a posta en marcha de tres. En todo caso, por parte de Galicia vanse pedir estes nove xulgados e dous maxistrados.
Por orde, terían preferencia outros xulgados antes que o de Vilagarcía. Irían antes un Xulgado de Violencia sobre a Muller en Santiago, con competencia comarcal (Negreira, Ribeira e Padrón); un Xulgado de Primeira Instancia na Coruña, un Xulgado de Primeira Instancia en Ourense, un Xulgado do Contencioso-administrativo en Santiago e un Xulgado do Social en Ferrol. Tamén piden, por orde despois do xulgado arousano, tres xulgados mixtos en Viveiro, Ribeira e Carballo.
Na orde de preferencias da Comisión Mixta figura en terceiro lugar de necesidade unha praza de maxistrado ou maxistrada na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Segundo explicou o TSXG, Das unidades que a Sala de Goberno do TSXG considera necesarias para a comunidade, priorizáronse as que teñen maior carga de traballo estrutural, é dicir, non motivada por unha situación conxuntural, que pode ser solucionada a través de reforzos temporais, e cuxa pendencia é máis elevada. Tamén se tivo en conta, no caso de órganos colexiados, o feito de que algunhas seccións leven reforzadas desde hai anos ou que só conten con tres maxistrados por sección, o que dificulta o seu normal funcionamento.
A Comisión Mixta tamén lembrou este martes que a súa intención é estender a creación de xulgados de violencia sobre a muller de competencia comarcal a outras cidades de Galicia onde existen xulgados exclusivos, pero non excluíntes. Isto quere dicir que, ademais de asumir os casos de violencia machista, dirixen a investigación doutros delitos. É o caso de Pontevedra. De feito, o pasado 8 de marzo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que se pedirán a creación destes órganos xudiciais en todas as cidades de Galicia.
Relacionadas:
-
A reforma da Rúa Sobrán permite recuperar 4.000 metros cadrados de espazo público en Vilaxoán
Por Redacción |
-
Un cuarto xulgado para Vilagarcía, unha demanda que se remonta a 2007 e continúa "sen solución"
Por Redacción |
-
A Xunta pedirá a creación dun xulgado especializado en violencia de xénero en Pontevedra
Por Redacción |