A Xunta pedirá a creación dun xulgado especializado en violencia de xénero en Pontevedra
Por Redacción
A Xunta de Galicia proporá a creación de cinco novos xulgados exclusivos de violencia de xénero en Galicia, un deles, en Pontevedra.
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou este mércores, coincidindo co Día Internacional da Muller, que a reunión semanal do Consello da Xunta proporá un plan para que se poidan ampliar estes xulgados, que ata agora só existen nas cidades da Coruña e Vigo, ao resto das grandes cidades galegas.
Esta proposta faina a Xunta de acordo coa Comisión Mixta do Tribunal Superior de Xustiza e, segundo explicou Rueda, permitirán que "moitas mulleres que teñen medo se sentirán máis protexidas".
Rueda fixo este anunciou na sesión de control no Parlamento de Galicia, que este 8 de marzo estivo centrada nas iniciativas postas en marcha pola Xunta en materia de igualdade.
O presidente galego defendeu que "así é de verdade como se loita para favorecer os dereitos da muller e, polo tanto, pola igualdade" e salientou os avances en materia de igualdade impulsados polo Goberno galego, como a Lei de garantías de calidade de servizos públicos, a Lei de impulso demográfico, a medida pioneira de gratuidade das escolas infantís, o reforzo da partidas sanitarias para atender especificamente enfermidades que teñen máis incidencia nas mulleres ou máis formación para que as profesionais do Sergas poidan detectar casos de violencia de xénero.
Alfonso Rueda está convencido de que estas iniciativas se reflicten en que Galicia rexistra 12.400 mulleres máis traballando que en 2008; é a terceira comunidade onde máis medrou o salario media das mulleres, cun 17,9 %, o que supón case tres puntos máis que a media nacional; ou o feito de que as mulleres son xa maioría en profesións como a sanitaria ou na educación.
PETICIÓN DO PSOE
Tamén no Parlamento de Galicia, a deputada do grupo socialista Paloma Castro instou este mércores a goberno galego a que realice un protocolo específico para as oficinas de atención á violencia de xénero que se atopan nos xulgados, e así garantir a "protección social, económica e psicolóxica ás vítimas".
Castro denunciou que non existe unha protección que minimice a "vitimización primaria e evite a secundaria" das vítimas que acoden á xustiza, o que se suma aos constantes atrasos que repercuten ás damnificadas.
A deputada socialista destaca que a Xunta como administración competente debe amparar ás vítimas con unha rede de atención integral para as mulleres que dan o difícil paso de denunciar. E reprochou ao PP que non lles aceptaran a emenda para establecer mellores medidas de prevención, como introducir nas escolas a educación afectivo sexual, ao tempo que votaron en repetidas ocasións contra o plan de reforzo nos xulgados de violencia que reclamaron dende o grupo socialista.