Cinema para inspirar unión, igualdade e un mundo "onde o corpo das mulleres non sexa terra de combate"
Por Redacción
O ciclo 'Mulleres e inspiración' posto en marcha polo Concello de Pontevedra chegou este venres ao público adulto coa proxección do documental Carne no Teatro Principal.
Logo de varias actividades pensadas para o público infantil, esta actividade busca poñer o foco na relación da arte coa figura da muller ao longo da súa historia pensando nunha poboación de maior idade.
A sesión consistiu na proxección deste documental e un coloquio posterior coa conferencia de Chelo Loureiro, produtora da cinta, e Sofía Oriana, compositora.
A concelleira de Cultura, Carme Fouces, fixo unha intervención previa á proxección e explicou que Carne, un documental sobre o corpo das mulleres, forma parte deste ciclo de 'Mulleres e inspiración' "pola súa calidade e pola música, de Sofía Oriana", pero tamén porque está producido por unha galega, Chelo Loureiro.
A directora, Camila Karter, fala da metamorfose do corpo feminino dividido en cinco capítulos: crúa, pouco feita, ao punto, feita e moi feita. Segundo Carme Fouces, "cada unha de nós verémonos reflectidas en algún deles, e tendo en conta a diversidade do público, estou convencida de que así será".
Durante a súa intervención, sinalou que este documental leva recollidos máis de cen premios desde a súa estrea no ano 2020 e indicou ao público que agarda que Carne "nos inspire para unirnos máis na loita por un mundo máis xusto e igualitario, onde o corpo das mulleres non sexa terra de combate".
A programación deste ciclo continuará durante esta fin de semana no Pazo da Cultura.
Este sábado, ás 11.00 horas terá lugar o obradoiro ‘Música e cine’ dirixido a nenas e nenos de 8 a 12 anos. Todas as entradas están xa esgotadas.
O domingo, ás 19.00 horas, a Orquestra Sinfónica de Pontevedra actuará baixo a batuta de Renata Oliveira. As entradas están a venda en Ataquilla, cun prezo de 12 euros.