Panadeira, Silgar, Canelas e Caneliñas estarán balizadas xa na Semana Santa
Por Redacción
Catro praias de Sanxenxo adiantarán o tradicional balizado estival á Semana Santa. Así o acordou o goberno municipal, que acometerá este reforzo da seguridade nos areais de Panadeira, Silgar, Canelas e Caneliñas.
O Concello entende que estas catro praias son as adecuadas para esta medida tanto pola súa situación como pola afluencia de bañistas prevista para o próximo período vacacional.
Non se colocará a sinalización habitual con corcheiras, xa que non soportaría as condicións do mar, pero si se delimitará cunha liña de boias amarelas a zona de baño.
O alcalde, Telmo Martín, xa adiantara tras o tráxico suceso ocorrido a pasada Semana Santa na praia de Silgar, no que faleceu Manuel Tábara, que había que tomar medidas para reforzar a seguridade fóra da tempada estival.
"A seguridade nunca é total, pero cremos que en praias con tanta afluencia como estas estase bo tempo hai que adiantar servizos como estes", asegura Martín.
Todos os elementos instalados deixaranse xa ata o verán, momento no que se colocarán tamén as corcheiras.
O balizamento leva a cabo nas praias de Agra, Areas, Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Nosa Señora da Lanzada, Areas Gordas, O Espiñeiro e A Lapa, desde o 1 de maio ata o 1 de xuño de cada tempada.
Este material de protección debe ser retirado antes do 31 de outubro.