Arrinca 'ProdutorAs en femenino', unha feira de alimentación e artesanía feminina galega
Este venres comezou a primeira edición de ProductorAs en Femenino, unha feira de alimentación de produtos artesanais producidos por mulleres de Galicia. Para inaugurar o evento, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, visitou a carpa situada na Praza de España para ver de primeira man todos os postos de venda e coñecer os produtos que se ofertan na feira.
A concelleira explicou que o evento se enmarca dentro das actividades do mes de marzo por motivo do 8M, e estará montada ata o domingo 12, podendo visitarse en horario de 11:00 a 21:00 horas.
Yoya Blanco informaba de que hai ao redor de 30 postos na carpa, nos cales se poderán atopar produtos de alimentación, artesanais e plantas, pero resaltaba a concelleira "que, sobre todo, haberá mulleres loitadoras, bravas, produtoras e emprendedoras".
Na súa visita, a edil percorreu todos os stands acompañada de Loli Rodríguez e Olga Milla, organizadoras e precursoras desta primeira edición.
As organizadoras explicaban que a feira se divide en duas partes, unha dedicada á alimentación e outra á artesanía. Ao fondo da carpa se sitúa unha zona de espacio infantil cunha coidadora permanente, tal e como explica Loli Rodríguez, que apuntaba que "hai poucos postos repetidos, temos aceite, mel, queixo, marmelada, conservas..."
Doutra banda aclaraban que todos os postos son galegos menos un, de orixe estremeña, que participa nesta primeira edición centrando a súa caseta no pementón, moi presente na gastronomía galega.
Ao longo da fin de semana realizaranse diversos show cookings cos produtos expostos a cargo da Escola Obradoiro de Hostalería do Salnés e Mar González, de Croketas D´.
Á marxe da venda de produtos de alimentación, as organizadoras explicaban que o sábado ás 12:00 horas haberá unha charla da Asociación Galega de Apicultura sobre o papel das mulleres apicultoras, minoritarias nese sector.
O domingo haberá outra charla dunha estudante de quinto curso da Escola Naval Militar sobre a vida da muller no exército, e para pechar a fin de semana os asistentes poderán gozar dunha sesión de vermú ás 13.00 horas acompañado dun show de Señora DJ.