8M | Pontevedra volve saír á rúa: “Somos feministas os 365 días do ano”
Por Mónica Patxot & Redacción
As rúas de Pontevedra volveron encherse este mércores de sororidade e de feminismo con motivo de principal manifestación do Día Internacional da Muller, na que un milleiro de persoas percorreron as rúas do centro para reivindicar a igualdade.
A manifestación, convocada pola Marcha Mundial das Mulleres, contou co apoio de todos os colectivos feministas da cidade e tamén de sindicatos e partidos políticos como BNG, PSOE e Espazo Común, aínda que algunhas entidades optaron por non levar a súa propia faixa. En todo caso, deuse unha mostra de unidade do movemento feminista e, ao remate da cita, desde o escenario, reclamou que "somos feministas os 365 días do ano”. Para finalizar, a música das Tanxugueiras.
Antes, na praza da Ferrería, ademais de bailar ao ritmo de Sés, leuse un manifesto reivindicativo centrado na demanda de mellores servizos públicos para mellorar a vida das mulleres no que se realizaron tamén demandas como "queremos que as mulleres teñamos o dereito á vida que desexemos".
Desde a organización insistiron en que 2023 non é un ano calquera, senón que "enfrontamos, a diario, ataques e agresións a un estado de benestar que se derruba por momentos", nun contexto no que, como resultado das últimas crises "fica desaparecido o suposto papel protector do sistema público de servizos sociais e a importancia dos servizos públicos no sistema capitalista vese relegada a un segundo, terceiro ou cuarto lugar".
Entre as súas reivindicacións figuran axudas ás rendas mínimas, unha sanidade pública, un sistema educativo público, centros xeriátricos ou unha vida sen violencia.
"A violencia non cesa na Galiza. É a violencia contra as mulleres e nenas nas cidades, vilas e aldeas do país, a violencia contra a poboación LGBT. Vivimos agresións físicas, acoso sexual no traballo, somos asasinadas. A causa desta violencia é a desigualdade e o machismo crecente na sociedade e impregnado neste sistema, na que as mulleres non temos cabida", sinalan.
A fin da violencia machista, "unha vida libre e autonomía das mulleres sobre os nosos corpos e sexualidades", que "os nosos dereitos sexuais e reprodutivos garantidos", "dereitos, empregos, salarios e pensións dignas" e un sistema público de protección para o desemprego con cobertura das necesidades básicas como vivenda, alimentación e subministracións son outras das súas demandas.
Ademais, denuncian que as mulleres "somos as grandes vítimas destas políticas non-sociais" e, cando fallan os servizos públicos, "debemos reducir a xornada de traballo ou mesmo renunciar a ter unha vida laboral para desenvolver os coidados que os gobernos non garanten".
Alertan de que no actual sistema "non temos a posibilidade de ter unha vida digna, con dereitos e libres de violencia" e insisten en que "só o feminismo e a clase traballadora unida, organizada e na rúa podemos poñer fin a un sistema de miseria e retroceso".
O Colectivo Feminista de Pontevedra, que secundou a manifestación, optou por difundir, a través das súas redes sociais, un manifesto paralelo coas súas reivindicacións e sinalaron que saíron á rúa "para reivindicar que non todos os dereitos están acadados, que a igualdade segue a ser en gran parte unha utopía".
Así, insisten en que "por moito que nos intenten convencer, as mulleres do país seguen a vivir en desigualdade respecto dos homes" e falan de fenda salarial, do "racismo" e o "clasismo" que sufran as mulleres migradas, do papel das mulleres nos coidados de crianzas e maiores e de situacións discriminatorios como "non pode ser que teñamos que seguir soportando en entrevistas de traballo preguntas persoais referidas a nosa vida reproductiva ou sentimental cando é ilegal".
Tamén fixeron mención a que optaron por saír a rúa unidas "polos dereitos de todas, porque os dereitos, compañeiras, custa moito acadalos e moi pouco arrincalos".
Baixo o lema "unidas, diversas e combativas", explicaron que "somos diversas porque a desigualdade temos que combatilas todas, as mulleres precarizadas, as mulleres migradas, as mulleres trans, as mulleres prostituídas, as mulleres que traballan fóra e dentro da casa..." e que "somos combativas porque ante os ataques da ultradereita e a dereita do país que se empeñan en arrebatarnos o acadado só podemos dicir que rebelión e desobediencia contra a súa violencia".
Relacionadas:
-
Colectivos feministas convocan formalmente os actos do próximo 25N en Pontevedra
Por Redacción |
-
Convocatoria de concentración polo feminicidio de Oia diante da Audiencia
Por Redacción |
-
Poio homenaxea cinco veciñas "referentes e heroínas" con motivo do 8M
Por Redacción |
-
8M | Ribadumia homenaxeará este domingo a seis mulleres da vila
Por Redacción |
-
Arrinca 'ProdutorAs en femenino', unha feira de alimentación e artesanía feminina galega
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Oito empresas da provincia foron sancionadas por incumprir a normativa de igualdade en 2022
Por Redacción |
-
8M | Poesía e compromiso en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
8M | Sanxenxo homenaxea a nove veciñas inspiradoras para rachar cos estereotipos
Por Oskar Viéitez |
-
8M | A sororidade ábrese paso na prisión: convivencia e reivindicacións para o Día da Muller na Lama
Por Natalia Puga |
-
8M | As mulleres tamén son máis da metade na Fiscalía de Pontevedra: seis de cada dez
Por Natalia Puga |
-
8M | Reivindicar o papel das mulleres, eixe dos actos conmemorativos no campus pontevedrés
Por Redacción |
-
8M | A CIG defende na rúa que as mulleres non paguen as consecuencias da crise
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
8M | "Feminismo ou barbarie", alertan no Pazo Provincial
-
8M | O "moi masculinizado" sector da pesca toma o protagonismo na Subdelegación do Goberno
Por Natalia Puga |
-
8M | O proxecto 'Mulleres da vila' cobra vida cunha exposición fotográfica
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Dúas citas sacan á rúa ao feminismo pontevedrés o 8M
Por Natalia Puga | Creada e actualizada