Caldas quere rachar este 8M cos estereotipos e coa violencia de xénero
Por Redacción
A defensa da igualdade e o rexeitamento a todo tipo de violencia de xénero será o eixo de toda a programación que, con motivo do 8M, Día da Muller, impulsa o Concello de Caldas de Reis.
O fío condutor das actividades organizadas a través do Centro de Información á Muller (CIM) será a campaña 8M Caldas pola Igualdade, a favor da eliminación de estereotipos de xénero e das numerosas mensaxes machistas que aínda persisten na nosa sociedade.
A imaxe desta campaña, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, pódese contemplar na fachada do Concello e en moitos establecementos comerciais e hostaleiros do municipio.
"O 8M é un día especial para reivindicar o papel das mulleres e denunciar todo tipo de machismos así como as trabas que aínda soportamos polo feito de ser mulleres", segundo indicou a concelleira de Igualdade, Inés Fuentes.
Ademais desta campaña, Caldas acollerá a lectura dun manifesto ás 11:30 horas no Auditorio e representarase o espectáculo de clown Circo na casa, sobre os roles domésticos entre homes e mulleres.
A diversos centros educativos chegará, por último, o espectáculo Travesías de Raquel Queizás, que busca sensibilizar sobre a igualdade desde a infancia.