Un incendio calcina parte dunha cociña en Caldas
Por Redacción
Un incendio urbano destruíu este venres parte da cociña dunha vivenda da rúa Juan Fuentes de Caldas de Reis. O lume iniciouse nunha tixola ao lume e quedou controlado e extinguido en menos dunha hora e sen que houbese que lamentar danos persoais.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 recibiu a alerta polo incendio ás 12.41 horas e desprazou ao lugar a efectivos de Protección Civil e a Policía Local de Caldas de Reis e os Bombeiros do Salnés.
Segundo fontes de Protección Civil de Caldas, catro voluntarios da agrupación e varios axentes municipais lograron sufocar as lapas usando un extintor antes da chegada dos bombeiros. Cando estes chegaron á vivenda tan só tiveron que colaborar en ventilar a vivenda.
O lume sufocouse en poucos minutos, de modo que non se expandiu ao resto da cociña. O balance final é de danos na campá extractora e en parte do mobiliario.