'A crise non a imos pagar as traballadoras', lema para realizar as manifestacións do 8M da CIG
Baixo o lema 'A crise non a imos pagar as traballadoras' van desenvolverse doce manifestacións en Galicia con motivo do 8M, convocadas pola Confederación Intersindical Galega (CIG). Cecilia Tarela e Marta Ferreiro explicaban este luns que estas marchas teñen como obxectivo denunciar a situación de precariedade laboral que están a sufrir as mulleres nun contexto de crise económica.
As manifestacións susténtanse por oito razóns. A primeira focalízase na Reforma Laboral implantada polo PSOE e Unidas Podemos, que afecta os "contratos fixos descontinuos", prexudica as mulleres porque "os sectores nos que se implantou son sectores mais feminizados: as conservas, os servizos, a hostelería", comenta Tarela.
Nestes sectores a maior parte das traballadoras son mulleres. "Na negociación colectiva dun dos convenios, no sector da hostelería, queren implantar contratos fixos discontinuos e a tempo parcial", explica Tarela.
O segundo punto é a fenda salarial. "As mulleres cobramos 4.238 euros brutos anuais menos que os homes", expón Cecilia Tarela.
A terceira razón é a carestía da vida, xa que "as mulleres seguen sendo as que fan a compra e as que dirixen a economía familiar", opina Tarela.
O cuarto punto son os recortes nos servizos públicos. Tarela comenta que tanto no ensino como no campo da saúde, especificamente no SERGAS, nos traballos de enfermeira e nos dos servizos de limpeza "hai contratos por día e por horas, puidendo chamar ás once da mañá para entrar ás tres da tarde", expón Tarela.
A quinta razón é o desemprego e a precariedade. Segundo Tarela, o desemprego está a afectar nun 16,6% máis ás mulleres que aos homes e en 2023, "o 77,85% das persoas que entraron en desemprego foron mulleres" en Galicia.
O sexto punto é a precariedade laboral. Tarela comenta que as primeiras afectadas son as mulleres novas, xa que se comezan a traballar no sector dos servizos e os contratos máis comúns son os contratos a media xornada cun horario cada día. "Van a traballar unha hora o luns, unha hora ou martes, unha hora ou mércores e despois acumúlanlle o resto da xornada para venres e para o sábado que é cando teñen mais xente no comercio".
O sétimo punto é a regulación das empregadas do fogar. Non hai igualdade de dereitos laborais nin unha regulación neste traballo. As empregadas adoitan ter máis de cincuenta anos e permanecen cunha cotización moi disminuída, expón Cecilia Tarela.
A oitava razón é a reforma das pensións. "As mulleres seguen sendo as que se encargan dos coidados das crianzas como das persoas maiores ou dependentes", comenta Tarela. Isto conleva unha redución de xornada e, actualmente, hai moitas mulleres de máis de 50 anos que deixan de traballar debido a ter que coidar de familiares.
"O 65% das pensións en Galicia das mulleres son pensións non contributivas", explica Cecilia Tarela, xa que as mulleres non chegaron a cotizar para ter unha pensión contributiva.
Tarela comenta que hai máis de 24.000 mulleres cobrando pensións non contributivas e máis de 7.000 mulleres cobrando a renda de integración social (RISGA), sumando un total de 31.000 mulleres en Galicia que malia traballar en diferentes sectores non chegan ao tempo mínimo cotizado para ter unha pensión.
A manifestación polo 8M en Pontevedra será ás 12:00 horas, sairá desde o Edificio Sindical e finalizará na Praza da Peregrina. Ademais, pola noite, debido a que a CIG forma parte da Marcha Mundial das Mulleres, tamén van formar parte da organizada por este colectivo. Neste caso comeza ás 20:00 horas e sae da Praza de Ourense.