Renovada a pavimentación da contorna do centro social de Mourente
Por Redacción
Ao longo dos últimos días, a área municipal de Obras no rural do Concello de Pontevedra avanzou na actuación de rehabilitación superficial do pavimento que se atopa na contorna do centro social dos Areás, na parroquia de Mourente.
Trátase dunha intervención demandada pola veciñanza do lugar e está a permitir a recuperación do firme, facilitando a accesibilidade deste espazo así como a mellora da comodidade nos desprazamentos, como acontece coa liña de Bus Urbano que pasa por aquí.
Tal e como sinala o concelleiro Alberto Oubiña, tamén se está a instalar unha nova canalización para a recollida de augas pluviais, inexistente até o de agora.
"Este elemento vai mellorar todo o relacionado coa recollida de auga de choiva, que se produce nos días de máis precipitacións, sendo canalizada até un regato existente e facilitará que se desenvolvan mellor as actividades que de promoven nesta zona", comentou Alberto Oubiña.
Nese sentido, o edil lembra que a vindeira semana terá lugar neste espazo a XXXI Festa do Caldo de Mourente. Está previsto que as actuacións rematen antes desta cita. A obra vai realizada con cargo aos fondos do contrato de mantemento do rural, adxudicado á empresa Casas.