Os veciños de Monte Porreiro ensínanlle ao alcalde as actividades do barrio
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, acompañado polo concelleiro delegado do barrio, Luís Bará, visitou este xoves o barrio de Monte Porreiro para coñecer in situ diversas actividades que se están a desenvolver no centro cultural e noutros equipamentos do barrio.
En primeiro lugar, o alcalde mantivo un encontro cos participantes na ludoteca de nadal de Monte Porreiro que se desenvolve no centro cultural desde o 23 de decembro ao 3 de xaneiro de 10 a 13 horas coa participación de 40 nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos. A actividade, que se realiza por primeira vez no barrio, ten como obxectivo ofrecer unha alternativa de lecer para a infancia, mediante xogos, obradoiros, animación á lectura..., para gozar de maneira lúdica e formativa do tempo de vacacións.
O alcalde asistiu a actividade do grupo de animación á lectura Picapau, que naceu o pasado mes de novembro e está a desenvolver un atractivo proxecto de dinamización da biblioteca de Monte Porreiro, dirixido especialmente ao público infantil. Un grupo de mulleres, coordinado pola bibliotecaria Alexandra Soto, dalle vida a este colectivo, que está integrado na asociación veciñal O Mirador. As integrantes do grupo explicáronlle ao alcalde os pasos dados até o momento e os proxectos de futuro para o espazo de animación á lectura.
A visita de Miguel Anxo Fernández Lores ao centro cultural rematou coa supervisión do equipamento da sala de informática, que recentemente se dotou de novos ordenadores e impresoras e que está a ser usado para a impartición de cursos organizados pola asociación cultural do barrio.
Na visita do alcalde ao centro cultural estivo presente unha representación da directiva da asociación O Mirador, co seu presidente Carlos Diéguez á fronte, da directiva das Anpas dos colexios Fina Casalderrey e Marcos da Portela e do grupo de animación á lectura Picapau. No encontro tamén se falou do uso que se lle está a dar ás instalacións da antiga escola taller de Monte Porreiro, co desenvolvemento do proxecto Recicletas e a cesión dun espazo para a comparsa de antroido do barrio.
MIRADOIRO DE MONTE PORREIRO
Para rematar o percorrido polo barrio, o alcalde e concelleiro delegado desprazáronse ata o parque do miradoiro para supervisar a restauración que se realizou nas pasadas semanas no edificio do miradoiro. As obras consistiron na limpeza de graffitis, pintado de muros, impermeabilización de cuberta e supresión de paredes laterais para abrir o edificio e facilitar a visualización da paisaxe. Tamén se fixeron traballos complementarios de mellora do alumeado. As obras tiveron un custe de 8.655 euros.