Advirten de queixas veciñais polos cambios no transporte público de Portonovo
O PSOE de Sanxenxo afirma que recibiu numerosas queixas veciñais polo anuncio da centralización do transporte público de Portonovo na marquesiña da rúa Areal, eliminando as dúas paradas actuais da carretera da Lanzada, situadas na farmacia e no Espiñeiro, a partir do 1 de marzo.
A agrupación socialista asegurou que, tras o anuncio do goberno local sobre a centralización, foron moitos os veciños que trasladaron o seu malestar á formación xa que o cambio obriga os autobuses a entrar pola rúa Areal e saír pola Travesía Areal, o que según eles incrementa considerablemente o tempo da ruta.
A portavoz socialista, Ainhoa Fervenza, afirmou que o Partido Popular, con este cambio de ruta, provocaba un aumento de 15 ou 20 minutos no percorrido.
Fervenza asegurou que esta decisión obriga os autobuses a dar unha volta polo centro de Portonovo completamente innecesaria, só para darlle uso a un proxecto do goberno local que foi a marquesiña da rúa Areal. Tamén recordou que no seu momento os cidadáns xa protestaron por ela e que hoxe en día, seguen sen querela.