Persegue o home que rompeu o escaparate do seu salón de peiteado ata que a policía o detivo
Por Oskar Viéitez
Un home de 59 anos de idade foi detido pola Policía Local de Vilagarcía este domingo pola noite como presunto autor dunha tentativa de roubo con forza nun salón de peiteado situada na rúa San Xosé.
O detido é veciño de Vilagarcía, responde ás iniciais de R.A.R., e foi visto por un veciño da zona utilizando un bloque de formigón para golpear a lúa do establecemento. Na madrugada anterior e esa mesma tarde foron denunciados outros casos de rotura de portas de vidro nun bar e nunha ferraxería da avenida Rosalía de Castro.
Os feitos que deron pé á detención aconteceron pasadas as 22.30 horas do domingo, cando un veciño da rúa San Xosé chamou á Policía alertando do incidente e de que o autor aínda se atopaba nas inmediacións.
Segundo consta no parte policial, a testemuña atopábase na súa vivenda cando escoitou un forte ruído e ao saír á terraza viu a un home con pouco pelo e vestido cunha cazadora azul golpeando cun bloque de formigón a lúa do salón de peiteado, abrindo un burato duns 40 centímetros de diámetro.
O veciño tamén chamou ao propietario do establecemento, que vive a pouca distancia e que, coa descrición facilitada polo primeiro, saíulle ao paso ao individuo e seguiuno para non perderlle a pista ata a chegada da patrulla que finalmente o detivo. Nese momento levaba posta unha sudadeira verde por riba da cazadora, supostamente, para despistar aos axentes.
Ese mesmo día a Policía tramitou dúas denuncias por feitos similares na avenida Rosalía de Castro. O primeiro acontecido de madrugada no centro socio comunitario do Ramal, onde ás 16.14 horas saltou a alarma debido, segundo comprobou posteriormente a Policía, a que alguén lanzara unha pedra contra a porta de cristal bar situado na parte traseira do edificio, sen poder determinar si accederan ou non ao interior do mesmo.
O segundo incidente produciuse ao redor das catro da tarde do mesmo domingo, na ferraxería de Carril, onde tamén se tentou romper o vidro da porta, aínda que neste caso, só causando danos sen chegar a perforalo.
Nunha visita oficial a Pontevedra, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones referiuse a estes sucesos indicando que "a seguridade sempre está na liña prioritaria" e resaltando o "grande esforzo de Forzas e Corpos no esclarecemento destes feitos" como reflicte o incremento de máis dun 15% no esclarecemento de casos.
"O que nos tranquiliza é que os delitos graves, das grandes bandas organizadas, non son os que se están a dar", dixo o delegado gubernativo.
Ademáis, Miñones destacou que o Goberno central incrementou as unidades de Garda Civil e de Policía xa que "durante moitos anos tivemos falta de persoal porque non se sacaban prazas e agora temos as consecuencias".
DETIDA UNHA MULLER
Por outra banda, entre as incidencias atendidas durante a fin de semana pola Policía Local de Vilagarcía cómpre salientar a detención dunha muller pola actitude violenta e agresiva mantida contra o seu marido e os axentes que atenderon a chamada por un conflito familiar nun domicilio da Rúa Matosinhos.
Tratase de M.A.A.S. de 53 anos que debido ao seu estado de axitación, antes de ser trasladada aos calabozos da Comisaría, foi atendida en primeira instancia polo persoal da ambulancia do 061 e despois no Hospital do Salnés.
Relacionadas:
-
Investigados dous mozos por furtar máis de 15.000 euros en gasoil en Meaño
Por Oskar Viéitez |
-
Miñones celebra en Pontevedra os 4,7 millóns de euros destinados a rehabilitar tres edificios públicos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Rompen cunha tapa de sumidoiro o escaparate da tenda Alma Gemela e rouban os cartos da caixa rexistradora
Por Redacción |