O Entroido máis esperado tamén se celebrou nos colexios
Por Redacción
O primeiro Entroido sen restricións despois da pandemia chegou e celebrouse ao grande nos centros escolares de Pontevedra.
O venres foi o día elixido polos colexios para facer unha gran festa, na que alumnado, profesorado e incluso pais e nais disfrazáronse para gozar dunha festa colorida e chea de diversión.
Dous dos colexios que celebraron o Entroido foron o CEIP de Marcón e A Inmaculada de Marín.
O colexio de Marcón fixo a súa particular celebración na Casa Cultural, onde o alumnado realizou un musical sobre 'O misterio do río' e cada curso ía disfrazado dun animal de río e, entre narración e narración, debutaban coa súa canción para desrfute do público.
Tras a representación, o alumnado acompañado de pais e nais degustaron unha merenda no campo da festa de Marcón.
No caso do colexio A Inmaculada, o tradicional festexo estivo relacionado coa Paz, valor deste curso, e para iso cada curso disfrazouse representando a un país e insistindo na diversidade cultural.
Todo o alumnado do centro, xunto con pais e nais, puideron gozar deste festival no que houbo bailes tradicionais indios ou colombianos, danzas africanas, música mexicana, folk tradicional do oeste americano ou música típica europea.