Suspendidas 1.300 actuaciones xudiciais en Pontevedra nos catro días de folga dos letrados
Por Almu Dapena
Os letrados da Administración de Xustiza de Pontevedra e de todo o país continúan a folga indefinida convocada o pasado 24 de xaneiro a pesar de reunirse este xoves cos representantes de Xustiza para esixir unha adecuación salarial acorde ás funcións adquiridas e non chegar a un acordo.
Denuncian que o Ministerio de Xustiza por medio do seu Secretario de Estado, Tontxu Rodríguez, "non inicia o diálogo" e "esixe a desconvocatoria da folga para 'estudar' unha das propostas que paradoxalmente foi acordada no mes de abril".
Esta falta de acordo provocou que os traballadores de Pontevedra, tras case catro semanas en folga, saísen á rúa para reivindicar a súa proposta de melloras retributivas e laborais "por dignidade e por xustiza", e esixen o soldo equivalente ao 85% do salario dun xuíz, fronte o 65-70% actual.
Para o ministerio, "isto supoñería unha dobre subida salarial" xa que "o conxunto da masa salarial dos letrados da Administración de Xustiza estaría tamén referenciada á masa salarial da carreira xudicial".
Os denunciantes critican "a actitude intransixente do secretario de Estado" co que "é imposible iniciar un diálogo que permita alcanzar ningún acordo".
"Sabe que nunca se desconvoca unha folga sen ter asinado un acordo entre as partes" e denuncian que o Ministerio de Xustiza "nin presenta propostas nin fala sobre posibles solucións, simplemente ten unha estratexia de desgaste fronte aos letrados e o que é moito peor, en prexuízo da administracion de Xustiza".
E é que os datos facilitados pola administración de Pontevedra son alarmantes, xa que tan só na Boa Vila esta folga provocou que entre os días 13 e 17 de febreiro suspendésense ao redor de 1.337 actuacións xudiciais, das cales 167 eran xuízos.
Segundo os cálculos a nivel estatal, desde que empezou o parón a actividade en xulgados e tribunais reduciuse un 60%, con máis de 152.000 vistas suspendidas e 560 millóns de euros que quedaron bloqueados.
RESPOSTA DO SECRETARIO DE ESTADO E DO MINISTERIO DE JUSTICIA
Tontxu Rodríguez lamentou que a reivindicación "foi económica" e pregúntase "onde queda o servizo público de xustiza destes funcionarios", cuxa actitude tacha de "insólita e contraria á boa fe negociadora". Cre que o colectivo non quere "iniciar unha verdadeira negociación" e considera aos cidadáns "os principais prexudicados".
Segundo Rodríguez, esta folga "non é de traballadores que queren chegar a fin de mes ou que perigan os seus postos de traballo, é de persoas privilexiadas que cobran entre 40.000 e 60.000 euros ao ano. Lémbrame moito a aquelas dos pilotos ou dos controladores aéreos".
Destacou ademais que "estes funcionarios tiveron este ano un incremento do 14,5% do seu salario" e asegurou que "os letrados rexeitaron a proposta do Ministerio dun incremento retributivo que beneficiaría sobre todo aos que menos cobran, aínda que o someterían a consulta do colectivo, e o Ministerio puxo como primeira condición para seguir negociando que desconvoquen a folga".