Pontevedra segue mantendo as infraccións penais por debaixo da media nacional
Por Oskar Viéitez
A Subdelegación do Goberno acolleu este mércores a reunión da Xunta Provincial de Seguridade. A subdelegada, Maica Larriba, subliñou este mércores que Pontevedra se mantén como "unha das provincias máis seguras".
Tras estudar o avance sen consolidar dos datos de infraccións penais correspondentes ao ano 2022, a subdelegada explicou que "se cometeron unha media de 37 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, o que nos volve situar moi por debaixo da media estatal, que ascendeu a 43,8 no primeiro trimestre do pasado ano".
No encontro estiveron presentes os máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, como son o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o capitán xefe do subsector de tráfico da Garda Civil en Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, o xefe do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Juan José Díaz, e o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Ramiro Gómez.
Tras analizar os datos achegados, a subdelegada trasladou que "a provincia é segura e as nosas cidades e vilas son seguras a pesar de momentos puntuais con pequenos repuntes de delitos moi chamativos na cidadanía polo seu efecto sobre as propiedades privadas".
Así mesmo, as infraccións penais seguen estreitamente vencelladas ao aumento dos delitos leves, tales como os pequenos furtos, os danos ou as lesións, "froito da recuperación da actividade social normal tras a pandemia e, en moitas ocasións, relacionados co ocio nocturno".
Tamén segue a ter peso na estatística a incidencia dos ciberdelitos, que se dan en todo o territorio e non exclusivamente no ámbito urbano. Nas contornas máis rurais, que son competencia da Garda Civil representa o 29% das infraccións, mentres que nas grandes cidades competencia do Corpo Nacional de Policía esta cifra se sitúa en pouco máis do 20%. Isto reflicte un pequeno descenso con respecto ás cifras dos primeiros meses do ano anterior.
Maica Larriba destacou a "importante actividade e eficacia policial" ao longo do ano 2022, cun grado de esclarecemento de delitos que se mantén en cifras similares ás de 2021, cun lixeiro incremento por debaixo do 1%. "A eficacia segue sendo moi elevada a pesar da ciberdelincuencia", explicou a subdelegada. Este tipo de infraccións, que se producen en moitas ocasións desde países moi afastados e supoñen a estafa de cantidades pequenas de diñeiro, "son de moi difícil resolución e lastran en gran medida a cifra de delitos esclarecidos que se situaría sen a ciberdelincuencia por enriba do 20% en 2022", dixo Larriba.
Así mesmo, a subdelegada destacou o importante labor policial na provincia a través das campañas activas, tanto da Policía Nacional como da Garda Civil, para a posta a disposición xudicial de persoas reclamadas pola xustiza. Neste caso, o número de reclamados postos a disposición xudicial en 2022 aumentou nun 12% no caso da Policía e nun 15% no da Garda Civil. "Esta acción deu como froito que case 1.000 persoas con ordes de reclamación se puxesen diante dun xuíz, o que supón unha redución, en moitos casos, da delincuencia reiterada que se dedica en gran medida a pequenos furtos", asegurou a subdelegada.
Precisamente, Maica Larriba realizou un chamamento para que a cidadanía se dote das súas propias medidas de seguridade e se manteña vixilante ante o aumento constatado de pequenos furtos provocados por un descoido ou despiste da vítima. "Non se trata de delincuencia habitual, senón de furtos ao descoido" polo que apelou a que se tomen medidas de autoprotección, especialmente en espazos públicos concorridos.
XANEIRO
Na Xunta de Seguridade tamén se avanzaron os datos de infraccións penais relativos ao mes de xaneiro de 2023 que son moi positivos e destacan por unha redución xeral de todos os delitos superior ao 20% de media. Por cidades, os delitos reducíronse en Pontevedra en todos os epígrafes nun 17%, en Vigo nun 23% e en Marín nun 46%. No caso de Vilagarcía, as infraccións baixan en xaneiro nun 4,22% e hai rexistrados pola Policía Nacional seis roubos con forza en establecementos.
VILAGARCÍA DE AROUSA
Por outra banda, a Confederación Española de Policía (CEP) volveu a solicitar o "cesamento inmediato" do Xefe das dependencias da Comisaría de Vilagarcía, Luís Hombreiro pola "situación insostible en materia de seguridade que sofre a cidade" e pola súa "mala xestión" nun municipio "onde a criminalidade aumentou sen cesar durante todo o ano 2022, onde se maquillou a realidade con actuacións de cinema ou publicacións intencionadas máis propias dun influencer de redes sociais que dun membro da corporación policial".
Relacionadas:
-
Cumio no Vao para establecer "canles fluídas" de comunicación coa Policía
Por Redacción |
-
Suspendidas 1.300 actuaciones xudiciais en Pontevedra nos catro días de folga dos letrados
Por Almu Dapena |
-
Rompen cunha tapa de sumidoiro o escaparate da tenda Alma Gemela e rouban os cartos da caixa rexistradora
Por Redacción |
-
As axudas do Goberno permitiron que a conexión a internet de alta velocidade chegase a 40.289 fogares e empresas de Pontevedra
Por Redacción |