#Falabonito, unha campaña para que os escolares de Poio usen máis o galego
Por Redacción
Os diferentes centros educativos de Poio van sumarse á campaña #FalaBonito, unha acción impulsada polo Concello para a promoción e fomento da utilización da lingua galega no eido educativo.
A concelleira de Dinamización Lingüística de Poio, Raquel Rodríguez, mantivo este martes unha reunión con integrantes das equipas deste departamento nos diferentes centros educativos de Poio para presentarlles os detalles da campaña, que está personalizada para cada centro educativo.
Ademais, o Concello agasallará aos colexios participantes cun lote de libros e material didáctico en galego.
A concelleira explicou que a acción busca animar a que nos centros de ensino se desenvolvan diferentes actividades para consolidar o uso da lingua galega no día a día.
Entre as propostas deseñadas dentro desta campaña figuran, por exemplo, o emprego do galego entre os claustros e o alumnado durante un tempo a determinar para potenciar o hábito do seu uso.
Tamén buscan que a campaña teña visibilidade a través das redes sociais.
O Concello tamén impulsará outras actividades de carácter transversal que se levarán a cabo nas vindeiras datas para o fomento do uso da lingua galega. É o caso do contacontos 'A miña terra', para a cativada de entre 4 e 11 anos, que terá lugar o xoves 23 de febreiro na Biblioteca Municipal.
As instalacións de Campelo tamén acollerán outro contacontos o venres 24, 'A mellor sopa do mundo', para crianzas de 3 a 6 anos.
Outra iniciativa será ‘Rosalía saca a lingua’, que busca promover lecturas públicas de textos e poemas da histórica escritora, en conmemoración do Día de Rosalía, que se celebra o 23 de febreiro.