O "Plan Conecta FP Galicia" celebra o encontro territorial de Pontevedra no CIFP A Xunqueira
O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou este mércores o encontro territorial de Pontevedra no que representantes empresariais e dos centros educativos colaboran para establecer ofertas de formación profesional. O acto contou coa presenza de Luís López, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, e Concepción Pereiro, directora de Edugal.
Este foi o primeiro dun total de catorce encontros territoriais. Ao redor de medio centenar de persoas asistiron ao acto, entre os que se atopaban representantes das empresas, dos centros de FP e da administración local. Actualmente son case 3.700 os estudantes que cursan estas modalidades na comarca, repartidos nun total de 89 programas diferentes.
No encontro, o conselleiro Román Rodríguez destacou a evolución que viviu a Formación Profesional nos últimos anos en Galicia, posicionándose como unha das comunidades autónomas máis punteiras neste sector xunto ao País Vasco. Clave deste éxito, Rodríguez apuntaba tres indicadores: o prestixio, a confianza e a utilidade.
Os datos expostos polo conselleiro recollen que son máis de 60.000 estudantes os que escolleron a Formación Profesional como opción académica este curso en Galicia. En relación á utilidade, Román Rodríguez afirmaba que "a media de empregabilidade dos alumnos está nun 86%, e se falamos dunha FP dual está case nun 100%".
Segundo o conselleiro da Xunta, estes datos afirman que hai cada vez máis demanda por parte das empresas, xa que atopan no estudantado destas modalidades a profesionais cualificados. "Estamos nun momento de transformación, cada vez son máis necesarios profesionais cualificados, con capacidade de adaptación e capacidades técnolóxicas", afirmaba Rodríguez.
Para seguir na mesma liña, o conselleiro de Cultura falou do Plan Conecta FP como unha oportunidade de conectar a nova oferta educativa coa demanda das empresas. Para logralo a Xunta estima crear 9.500 novas prazas nos dous seguintes cursos, que sumados á oferta xa existente, farán un total de case 80.000 prazas de Formación Profesional.
Para acabar, Román Rodríguez explicaba que a forma de levar a cabo ese plan será a través de tres fases. A primeira é a presentación do Plan Conecta que se levou a cabo este mércores, seguido dunha posta en marcha de grupos de traballo para conectar empresas e centros educativos. Por último está o plan territorial sectorial, que vai definir as diferentes ofertas educativas dos novos ciclos.
Finalmente, o conselleiro insistía na importancia de acertar na definición de novos ciclos. "Todo isto non pódese facer só. Debemos buscar as sinerxias entre todos para desenvolver este plan". Tras a inauguración, levaron a cabo diversos actos de networking ao longo da mañá para comezar o achegamento e a creación dos primeiros grupos de traballo.
Relacionadas:
-
De adornos de papel a nanosatélites, Edugal exhibe os proxectos dos futuros profesionais da provincia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A intelixencia artificial preséntase como opción formativa e de emprego no Edugal 2023
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
"O ciclo do sabor", unha experiencia gastronómica de produtos gourmet no IES Luís Seoane
Por Redacción |
-
A Deputación e a Xunta xa están a falar da transferencia dos equipamentos educativos de Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |