Sete novos axentes incorpóranse ao corpo da Policía Local de Pontevedra
Por Redacción
Desde este martes, Pontevedra conta con sete novos traballadores que pasan a integrarse como axentes no corpo da Policía Local.
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e a edil de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, participaban na toma de posesión destes novos axentes que se encargarán da seguridade e protección da veciñanza.
O rexedor felicitou a estes novos integrantes da Policía Local por aprobar o proceso de oposición; e por elixir Pontevedra como a cidade onde se desenvolverá a vida laboral. Lores lembroulles que están nunha cidade "moi tranquila".
Tamén lles convidou a que profunden na normativa de mobilidade da cidade e lembroulles que se trata dunha "normativa que nos fai referente no mundo" e que é fundamental no funcionamento da Boa Vila.
Precisamente, durante as últimas xornadas celebrábase a graduación de máis dun centenar de alumnos na 14ª promoción de Policía Local formada na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), na Estrada, coa presenza do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
É o centro de referencia na formación dos corpos e forzas de seguridade, así como de servizos de emergencas, con máis de 163.500 participantes en centos de cursos que se organizan a través desta academia.
O 3 de marzo comezará a formación da 15ª promoción de Policía Local, con preto doutro centenar de aspirantes, que despois pasarán a formar parte do persoal dalgún do 89 municipios, que a través dun convenio entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), obteñen profesionais destinados a labores de seguridade.