Evacuadas oito persoas dunha familia de Meis tras unha fuga de monóxido de carbono
Por Oskar Viéitez
Oito persoas foron trasladadas en Meis con síntomas de intoxicación debido ao mal funcionamento dunha caldeira.
Os servizos sanitarios confirmaron o traslado de catro persoas ao Hospital Provincial de Pontevedra e o das catro restantes ao Hospital de Montecelo.
Ao fío das oito e media da tarde deste pasado domingo, os servizos sanitarios informaban ao 112 Galicia de varios membros afectados nunha vivenda no lugar de Mosteiro, en Nogueira, debido á mala combustión dunha caldeira.
Tras recibir o aviso, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Ribadumia, que saíron de inmediato cara o punto. Do mesmo xeito foron informados a Garda Civil e os técnicos da empresa subministradora do gas.
Así, unha vez evacuados os afectados polos profesionais sanitarios, os Bombeiros procederon a realizar as correspondentes medicións, que segundo indicaron, eran negativas. Con todo, indicaron que os técnicos se ocupaban da reparación da avaría.