Os follateiros saen faldricar pola Boa Vila
Por Oskar Viéitez
Se ben o Entroido será celebrado como tal entre o 17 e o 25 de febreiro, Pontevedra viviu xa este sábado un anticipo.
O motivo non foi outro que a continuación dese achegamento, promovido polo Concello de Pontevedra, de dar a coñecer entroidos tradicionais que se celebran noutros puntos de Galicia, aproximando parte da súa riqueza etnográfica até a cidade.
Na tarde deste sábado houbo un pasarrúas dos follateiros de Lobios, unha ollada cara unha zona de Ourense onde aínda se mantén un forte entroido tradicional e teñen moito que ver con outras celebracións que se manteñen na comarca de Pontevedra.
Os Follateiros fan os seus traxes con "follatos", é dicir, follas de millo, seguindo unha tradición presente en pobos da serra do Xurés.
Ademais cos grans de cores vermellas, amarelos ou negros decoran a máscara de cartón, os cintos e os corpiños, que se fan tamén co carozo da mazorca.
Os homes levan un pau para faldricar ou levantar a saia ás mulleres, mentres que elas portan un toxo na punta do pau para evitar que llas levanten.
Relacionadas:
-
O Entroido pontevedrés vívese tamén nas Galerías da Oliva con obradoiros infantís
Por Redacción |
-
O Ganapán pon a máscara de Entroido para cinco días continuados de actividades
Por Redacción |
-
Cambios no tráfico polo Desfile do Entroido en Pontevedra
Por Redacción |
-
Entroido por todo o alto en Barro co desfile, festival de murgas e a corrida do galo
Por Redacción |
-
O Entroido de 2023, "o máis esperado dos últimos anos" en Pontevedra
Por Álvaro Arosa Barco |