Renovan o miradoiro da praia de Vilagarcía, desfeito nun incendio provocado
Por Redacción
O miradoiro de madeira da praia da Concha reabriuse este luns unha vez finalizada a reparación dos danos producidos hai dez días por un incendio provocado. O lume queimou varios taboleiros do solo da estrutura de madeira, que se tiveron que retirar e o acceso aos peóns pechouse por motivos de seguridade.
Segundo informou o Concello, operarios do servizo municipal de Medio Ambiente foron os encargados de realizar a reparación do miradoiro. A actuación, que afectou a uns 8 metros cadrados de superficie da plataforma balconada sobre o mar, consistiu na reposición de taboleiros de madeira previamente tratados para resistir a exposición ao aire libre.
Dentro do plan de traballo do servizo de Medio Ambiente, outra das actuacións que está previsto levar a cabo proximamente será a substitución da madeira da ponte peonil sobre O Con na avenida Rodrigo de Mendoza. A medida enmárcase nos traballos de mantemento que se fan periodicamente para evitar problemas causados polo deterioro da madeira.
Tanto esta actuación como a reposición do peche de madeira que albergaba os contedores de lixo do piñeiral da Concha, e que tamén foi queimado intencionadamente, levaranse a cabo tan pronto como o Concello reciba o pedido da madeira necesaria para realizar os traballos.