Morre un veciño de Pontevedra ao ser atropelado polo seu propio vehículo
Por Redacción
Un veciño de Pontevedra resultou atropelado polo seu propio turismo na noite do domingo. Nun primeiro momento, os servizos sanitarios deron aviso ao Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia de que o home estaba ferido. Con todo, cando a Garda Civil de Tráfico acudiu ao lugar do suceso, o home estaba falecido.
O accidente ocorreu nunha estrada secundaria na subida ao Hospital Montecelo, no municipio de Pontevedra, ás 23:33 horas da noite deste domingo.
Segundo fontes da Garda Civil, o home ten 53 anos e responde ás iniciais M.O.S. Intentaba arrincar o seu vehículo despois de que este quedase sen batería. Deixouno correr costa abaixo por unha pista coñecida como Camiño de Pardeso, na parroquia de Mourente, un vial con acusada pendente e asfalto irregular.
O home estaba agarrando o volante desde o exterior do vehículo cando este comezou a coller velocidade. Nese momento o home tropezou e foi esmagado polos baixos do coche.