Desfiles en Cerdedo e Carballedo para celebrar o Entroido en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O Entroido de Cerdedo-Cotobade xa ten programación. Os seus eixos fundamentais serán os concursos de disfraces que terán lugar durante os desfiles que se farán o domingo 19 de febreiro en Cerdedo e o sábado 25 en Carballedo.
O desfile de Cerdedo sairá ás 16:00 horas dende o centro cultural. Todos os participantes desfilarán e mostrarán as súas habilidades ao público no pasacalles ata o pavillón municipal.
No caso de Carballedo, a marcha comezará ás catro da tarde na Praza da Chan. Alí, os participantes percorrerán as rúas alegrando e divertindo aos espectadores cos seus bailes ata o pavillón de deportes, última parada prevista pola organización.
En ambos lugares, a partir das cinco da tarde, tanto no pavillón de Cerdedo como no de Carballedo, os participantes mesturaranse co público para gozar dunha festa baile con actividades para toda a familia como pista de obstáculos, ludoteca, obradoiros ou inchables.
Todas aquelas persoas e grupos que queiran participar no Entroido poderán inscribirse de luns a venres, nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas.
Ademais, a organización tamén pon a disposición das persoas interesadas en participar a posibilidade de inscribirse a través de correo electrónico omix@cerdedo-cotobade.gal.
A inscrición quedará pechada o día 16 de febreiro ás 12:00 horas para os grupos que participen no entroido de Cerdedo ou nos dous. Existe un prazo extraordinario para aquelas persoas que só participen no desfile de Carballedo. Terán ata as 14:00 horas do 23 de febreiro.
As categorías adultos e infantil poderán inscribirse o mesmo día do desfile nunha lista habilitada ao efecto e antes das 17:00 horas.
En caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen, tanto en Cerdedo como en Carballedo, todas estas celebracións trasladaranse directamente ao pavillón ás 17:00 horas.