Cupido e o comercio local, unidos por San Valentín
"Terás a puntería de Cupido?" será a nova campaña da concellería de Promoción Económica arredor da festividade do 14 de febreiro. O seu obxectivo principal é fomentar o consumo no comercio local. Así o confirmou Yoya Blanco, concelleira desta área, na rolda de prensa que tivo lugar este luns 6 de febreiro.
O seu funcionamento é o seguinte: os pontevedreses que entreguen o seu ticket por valor mínimo de 15 euros dunha compra realizada a partir do 6 de febreiro nun comercio local poderán participar na diana que estará situada na Praza da Peregrina desde as 11:00 ata as 19:00 horas o día 14 de febreiro. Ao tirar, a xente poderá gañar numerosos premios entre os que destacan 50 vales de 50 euros.
En canto á participación dos establecementos, aceptaranse tickets de calquera comercio local excepto bazares, grandes superficies, franquías ou tendas de alimentación. Marga Caeiro, responsable de Pontevedra Digital, empresa coa que colabora a concellería para a realización desta campaña, recalcou que "a diferenza da campaña do ano pasado, poderán participar salóns de peiteado e tendas de uñas". Ademais, asegurou que formarán parte desta iniciativa aproximadamente 500 establecementos.
A concelleira afirmou que xa existe unha "total normalidade en todas as feiras e actividades". Exemplo diso, segundo a edil, foi a III Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade 'O Mellor da Terra', celebrada do 3 ao 5 de febreiro. Confirmou que 45.000 persoas pasaron pola carpa situada en Praza España e asegurou que "o ano que vén haberá unha mellor edición".
Relacionadas:
-
A 'Diana do Amor' regala vales para comprar no comercio local
Por Alba Feijoo Alonso & Álvaro Arosa Barco |
-
Volven á Praza de España os produtos gourmet da feira 'O Mellor da Terra'
Por Redacción |
-
Repartición de rosas, bombóns e vales de compra entre os namorados do comercio local
Por Manu Otero & Mónica Patxot |