Animación para celebrar ao grande a renovación do parque infantil da Xunqueira de Ponte Sampaio
Por Redacción
Os máis pequenos de Ponte Sampaio xa poden gozar de novo do parque infantil situado na zona da Xunqueira, ao carón da praia fluvial, despois do proceso de remodelación dos últimos meses.
Para celebralo, na tarde deste sábado, o Concello de Pontevedra organizou unha festa para a cativada que contou coa animación do grupo Rivel Animación.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro da parroquia, Raimundo González, acudiron á festa infantil de inauguración e puideron coñecer de primeira man o resultado das obras realizadas, que tiveron un orzamento de 48.350,49 euros.
A reforma realizada baseouse nunha ampliación do espazo do terreo, que se compón dunha superficie interior de 145 metros cadrados e unha superficie exterior de 80 metros cadrados, sumando unha totalidade de 225 metros cadrados. Ademais, realizouse un cambio do solo de caucho e a ampliación da nova área.
Nesta reforma instalaron un valado de madeira de 60 metros de lonxitude e de un metro de altura e retiraron todos os elementos de xogo, que se substituíron polos seguintes: un barco, un carrusel xiratorio, un minitobogán, un xogo de resorte de dúas pezas e un bambán dobre.