Unha nova alianza facilitará o emprendemento das vítimas de violencia machista da cidade
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra e a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store van establecer unha colaboración que redundará na mellora da vida das vítimas da violencia machista da cidade.
Segundo deu a coñecer este sábado o Concello, van colaborar á hora de facilitar asesoramento no emprendemento destas vítimas.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo unha reunión este sábado coa asociación, que naceu en Pontevedra co obxectivo de impulsar e apoiar ao novo emprendemento e a innovación no noroeste peninsular e especialmente en Galicia. Esta entidade ten como orixe no espazo de emprendemento Pont- Up Store.
O encontro foi na sede da asociación no edificio Redeira de Santa Clara e, ao remate, o alcalde lembrou que a cidade está sendo elixida como un punto de interese á hora de establecer sedes físicas, como é o caso do Clúster de Ecommerce Galego, situado desde hai uns meses no edificio municipal dos Campos, en Mourente.
"Algo teremos para seguir atraendo proxectos, algo teremos cando as novas asociacións e os novos clúster pensan en asentar aquí. Pontevedra é unha cidade para vivir", sinalou Lores.
O alcalde tamén sinalou que a creatividade, a innovación e as novas tecnoloxías son "parte fundamental da nosa época, e a nosa aposta polo futuro á hora de competir con calidade co resto de empresas e proxectos do mundo".